Eventos. Familia e Novas Masculinidades. Tecendo Referentes.

Familia e Novas Masculinidades. Tecendo Referentes.

Obradoiro para familias da ANPA CEIP Pintor Antonio Fernández de Goian (Tomiño) sobre a construción e a historia individual de ser, sentirse e expresarse como home e a súa influencia na paternidade.

A socialización dos xéneros comeza ao nacer e constitúe un proceso de aprendizaxe cultural dos roles asignados a cada un/ha segundo o seu sexo. O proceso de socialización percorrido por nenos, nenas e adolescentes, condiciona a súa identidade e as relacións que establecen.

Nese transitar, o seu imaxinario vaise estreitando entorno a dúas categorías dominantes: home-muller, cada unha das cales responde a un determinado arquetipo: masculino- feminino. Dende que nacen, as crianzas, reciben un trato distinto por parte das persoas da súa contorna e aprenden a diferenciar entre os nenos e as nenas e entre as mulleres e os homes. Polo camiño van quedando outros modelos de masculinidade e feminidade, diversos e dinámicos.

A familia é un entorno privilexiado no que traballar a transmisión e adquisición de valores, actitudes e comportamentos baseados na equidade, os coidados e o respecto á diversidade. Un entorno no que proporcionar novos esquemas, e modelos referentes, de masculinidade e feminidade abertos, permeables e diversamente transitables.

DATAS: 19 e 21 de Novembro.

HORARIO: 17:30-19:15

LUGAR: CEIP Pintor Antonio Fernández.

Axudas dirigidas ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia coa finalidade de potenciar, promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero.
Secretaría Xeral de Igualdade.
Operación cofinanciada con Fondos finalistas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.